En Defensa da Universidade Pública

Diversos colectivos de estudantes, PAS e PDI e numerosas persoas a título individual coincidimos nesta plataforma, desde unha grande variedade de posicións políticas, co obxectivo de defendermos a universidade pública en canto que servizo público. Axuntámonos nesta plataforma porque entendemos que a educación e a investigación públicas serven aos intereses xerais da sociedade, polo que o papel da universidade pública, en tanto que tal, é insubstituíble. Cómpre, xa que logo, mobilizar todos os esforzos necesarios na súa defensa.

As universidades galegas, xunto con outros bens e servizos públicos, están a ser obxecto dun estrangulamento económico que pon en perigo a súa continuidade no tempo, xa queas deixa incapacitadas para daren respostas satisfactoriamente ás obrigas, tanto de docencia como de investigación, que constitúen os seus fins. Somos conscientes de que este non é un feito illado, nin se trata dunha situación transitoria determinada exclusivamente pola actual crise económica.

As políticas socioeconómicas deseñadas e aplicadas polos gobernos, baixo presión dun mercado que cobiza o substancioso negocio dos servizos públicos, levan á privatización e á mercantilización de todo o que é público. Educación, sanidade ou pensións forman parte das súas expectativas de mercado e este aproveita a actual crise económica para acelerar drasticamente o proceso que supón o desmantelamento do chamado estado do Benestar.

Neste grave contexto no que nos atopamos, afirmamos que diante da crise que actúa como coartada para os recortes, a educación e a investigación deveñen un recurso estratéxico e fundamental para superala, para contribuír a mudar o modelo produtivo e as condicións socioeconómicas que a causaron.

Constituímonos en Plataforma cos obxectivos de:

  • Explicarmos o que significa contarmos con universidades públicas ao servizo da sociedade civil e non dos intereses do mercado. Explicarlle ao conxunto da cidadanía como se financian e como se xestionan a súas universidades. Explicarmos que a educación e a investigación están na base da mellora das condicións de vida das familias galegas e son a única posibilidade de xerar coñecemento e innovar, de xerar futuro e riqueza.
  • Promovermos a coordinación, o entendemento e posición unívoca das tres universidades galegas para esixirmos un financiamento que non poña en perigo a propia existencia da universidade pública. Cómpre eludir as disputas que promove o actual Goberno galego ao facelas competir e confrontar por uns recursos que reparte para aliviar a agonía financeira e compensar a submisión, en lugar de adxudicalos con base en criterios obxectivos e transparentes.
  • Defendermos unha universidade democrática e democratizadora, á que toda a cidadanía teña a posibilidade de acceder. Negarmos a subida de taxas como elemento corrector dos recortes de financiamento promovidos pola Xunta de Galicia, para que estas nunca supoñan un motivo de discriminación para os cidadáns e as cidadás con menos recursos económicos.
  • Esixirmos a garantía do financiamento público para a investigación, xunto con regulamentacións que canalicen o financiamento privado, para que nunca se relegue o interese xeral nin se poña en risco a liberdade do investigador/a.
  • Demandármoslles aos gobernos das universidades galegas contundencia na denuncia diante da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria pola insuficiencia do actual plan de financiamento (2011-2015), na defensa da autonomía e a suficiencia financeira.
  • Promovermos unha universidade transparente, aberta á sociedade e ás súas necesidades, autocrítica, que renda contas da súa xestión e dos resultados académicos, investigadores e da difusión do coñecemento, que promova unhas condicións de acceso e permanencia que ofrezan as máximas oportunidades ao estudantado, respectuosa cos seus compromisos de estabilización do persoal… co obxecto de procurar o máximo apoio posible da cidadanía galega no cumprimento dos fins que lle son propios.

Para isto actuaremos tratando de mobilizar conciencias que acheguen apoio social e político a prol da universidade pública, realizando actividades de debate e difusión sobre o valor social do ensino superior e da investigación, denunciando os recortes e promovendo unha gran mobilización nos estudantes, PAS e PDI das tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG), que sexa quen de convencer e mobilizar a cidadanía e de obrigar o goberno a ter en conta a nosa razón e esixencia irrenunciable.

Nestes obxectivos propoñémonos confluír con plataformas ou movementos na defensa doutros servizos públicos, co fin de crearmos unha gran mobilización social en defensa do Estado do Benestar.

Plataforma Unitaria en Defensa da Universidade Pública

http://www.pudup.org

Galicia, 14 de decembro de 2011

PDF
Manifesto

PDF
Sinaturas

Comparte:
  • del.icio.us
  • Facebook
  • Twitter
  • Google Bookmarks

Creado por pudup on Decembro 12th, 2011

Categoría PDUP | 1 Comentario »